Crònica Legislativa de Galícia (Segon semestre 2011)

AutorAlba Nogueira López
CargoProfessora titular de dereito administrativo, Universidade de Santiago de Compostela
Páginas173-178

Page 173

Recortes políticos e orzamentarios

1 Introdución

No contexto de retrocesos lingüísticos que marcou esta lexislatura o 2º semestre de 2011 consolida a tendencia iniciada e xa comentada en anteriores crónicas con só pequenas concesións á normalización. No ámbito lexislativo publícase finalmente a controvertida Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa (DOG de 15 de xullo) amplamente comentada na crónica da Revista do 1º semestre de 2011 e apróbase un Decreto 201/2011, do 13 de outubro, polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet. No plano económico as primeiras medidas de aforro que exterioriza o goberno galego no ámbito das axudas públicas prodúcense no apoio á lingua coa anulación de convocatorias xa publicadas. Os desvelos do Valedor do Pobo en relación coas queixas recibidas por grupos anti-galego marcan tamén o periodo.

2 Decreto 201/2011, do 13 de outubro, polo que se regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia na internet

Este Decreto1 busca o establecemento dunhas regras para regular a coordinación da presenza na rede da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia co obxectivo común de mellora da xestión pública, de achegamento da Administración pública á cidadanía e de mellora no tratamento da información.

Debemos salientar este Decreto pola relevancia que hoxendía ten a presenza nas comunicacións electrónicas. Cabe sinalar que a presenza na rede do galego é moi ampla e que se un logro, principalmente debedor da iniciativa e activismo da sociedade civil, se pode sinalar é ampla representación do galego na rede. Como explicaba un vídeo concebido desde e para a concienciación lingüística Google está en 118 linguas, Facebook en 70 e Windows en 95 e o galego é unha delas2. O galego ocupa o posto 37 no número de páxinas na internet.

O Decreto contén un conxunto de referencias á lingua e aos usos lingüisticos nos portais da Administración e o sector público. Entre as finalidades da norma figura a de promover o uso do galego sendo o apoio ás manifestacións lingüísticas e culturais outro dos aspectos que ampara o decreto.

Artigo 2. Finalidade.

Page 174

As medidas establecidas neste decreto teñen por finalidade:

  1. Impulsar a difusión da riqueza cultural, patrimonial, lingüística e social de Galicia a través de internet.

    No que respecta á promoción do uso da lingua galega unha novidade, infrecuente na normativa existente ata o momento, é o inciso que se realiza sobre a “calidade” da lingua empregada. Buscaríase corrixir o desleixo sintáctico e léxico nos portais administrativos e o emprego frecuente de terminoloxía castelanizada. Non obstante, haberá que ver como se fai efectivo ese mandato de calidade lingüística especialmente tendo en conta a limitación das ferramentas electrónicas de corrección existentes, en parte debido á pouca preocupación amosada pola propia Administración autonómica para apoiar iniciativas desta natureza e para manter unha demanda firme en relación cos sistemas operativos máis usados. Os profundos recortes experimentados nos cadros de persoal dedicados a labores de asesoramento lingüístico tamén serían contraditorios con este obxectivo.

    Artigo 5. Previsións xerais. 2. As entidades incluídas no artigo 3 adoptarán todas as medidas técnicas e organizativas necesarias co fin de satisfacer o previsto neste decreto e, en especial:

  2. A promoción do uso da lingua galega, conforme o marco legal vixente, cun especial coidado da súa calidade.

    Con respecto aos usos lingüísticos o Decreto fai unha remisión á lexislación xeral de lingua ou de réxime xurídico da Administración indicando que se rexera por ela para garantir os dereitos lingüísticos á cidadanía que estas prevean. Establécese tamén a previsión de que os portais públicos estean cando menos en galego e castelán, sen prexuizo do uso doutras linguas. Finalmente, garántese a oferta positiva en galego ao establecer que é a lingua de navegación por defecto “como lingua de contacto inicial coa cidadanía”. Este é un elemento positivo que debe ser destacado neste momento.

    Artigo 7. Usos lingüísticos.

    1. As entidades incluídas no ámbito de aplicación deste decreto garantirán á cidadanía o exercicio dos dereitos lingüísticos recoñecidos nas leis, en particular, os referidos ao uso do galego na Administración pública. Para ese efecto, adoptaranse as medidas necesarias dirixidas a facer efectivo o exercicio de tales dereitos.

    2. Os contidos e servizos publicaranse, polo menos, en galego e castelán, sen prexuízo da inclusión noutras linguas de contidos e servizos que se consideren de interese.

    3. O galego, como lingua de contacto inicial coa cidadanía, deberá ser a lingua de navegación establecida por defecto.

    4. Para a redacción de contidos teranse en conta as pautas establecidas na Guía de políticas web no referente aos usos lingüísticos.

      Un elemento no que, malia as reclamacións realizadas desde a sociedade civil e a existencia de iniciativas para o seu apoio, non avanza o decreto é o do dominio utilizado pola Administración. Consolídase o xunta.es como dominio autonómico sen que o "punto gal", actualmente en tramitación ante o ICANN, ou outras opcións como .net ou .eu se adopten polos poderes públicos gallegos3.

      Artigo 17. Política de dominios web.

      Page 175

    5. xunta.es constitúese como o dominio web, a partir do cal se ordenarán os subdominios existentes en cada momento.

    6. Os dominios e subdominios da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia deberán construírse sobre denominacións en lingua galega.

      Tamén se prevé que o órgano responsable en materia de política lingüística forme parte da comisión de seguemento prevista coa finalidades de canalizar a política da Administración neste ámbito.

      Artigo 29. Composición dos órganos colexiados encargados da coordinación e seguimento da Rede de portais.

      A Comisión de Coordinación e Seguimento da Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia estará integrada polos seguintes membros:

  3. Persoa titular do órgano con competencias en materia de Administración electrónica, que actuará como presidente/a.

  4. Persoa titular do órgano con competencias en materia de medios de comunicación, que actuará como vogal.

  5. Persoa titular do órgano con competencias en materia de política lingüística, que actuará como vogal.

  6. Persoa titular do órgano con competencias en materia de igualdade, que actuará como vogal.

  7. Persoa titular do órgano de dirección con competencias en materia de información administrativa e atención ao cidadán, que actuará como vogal.

  8. As persoas titulares das secretarías xerais técnicas adscritas ás consellerías da Administración xeral de Galicia e as persoas titulares das secretarías xerais adscritas ou dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, salvo aquelas con representación específica prevista nos puntos anteriores, que actuarán como vogais.

3 Pequenas modificacións orgánicas

Os cambios no organigrama da Xunta de Galicia manteñen integrada na Consellería de Educación a Secretaría Xeral de Política Lingüística. Tan só unha modificación menor de creación dun servizo pode sinalarse. No ámbito funcional da Secretaría Xeral de Política Lingu ística, e dentro da Subdirección Xeral de Política Lingu ística, incorpórase unha nova función e, por mor do volume de competencias que esta ten encomendada, considérase necesario reforzala coa creación dunha unidade administrativa con nivel orgánico de servizo dependente dela, que se denomina Servizo de Formación, Asesoramento e Proxección Exterior da Lingua. O Decreto 230/2011, do 7 de decembro, polo que se modifica o Decreto 332/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (DOG de 22 de decembro) fixa este novo organigrama.

4 Estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo

Publícase neste semestre a Orde do 30 de setembro de 2011 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo (DOG de 13 de outubro) que da continuidade a unha serie de estatutos de colexios oficiais nos que se fan referencia aos usos lingüísticos nos últimos anos. Neste caso cunha alusión ao galego e o castelán como linguas “propias” do colexio e sen referencias aos dereitos lingüísticos dos colexiados.

Artigo 8. Idioma.

  1. O galego e o castelán son as linguas propias do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Vigo.

    Page 176

  2. Publicaranse en galego e castelán os presentes estatutos, as súas modificacións e aquelas disposicións regulamentarias de carácter xeral que rexan a vida corporativa.

  3. O logotipo do Colexio editarase sempre en galego, acorde coa inscrición ante a Xunta de Galicia.

5 Valedor (dunha parte) do Pobo

Non por reiteradas as sucesivas manifestacións do Valedor do Pobo contra o galego deixaron de causar sorpresa dada a natureza do seu cargo (do que finalmente dimitiu en 2012 trás unhas novas declaracións favorables a suprimir os dereitos derivados da lexislación de dependencia). Neste semestre a forma de resolver unha queixa presentada por UpyD contra os libros de texto dunha editorial uníronse ao ronsel de actuacións previas claramente contrarias á normalización da lingua galega. O Valedor requeriu á Administración educativa para que procedera a retirar un libro de texto que reproducía o texto do Estatuto de Autonomía de Galicia no que se establece que o galego é a lingua propia de Galicia4. O Valedor trasládalle á administración educativa que "tiene ya un conocimiento suficiente de una situación antijurídica, la transmisión a los escolares de quinto de Primaria de un contenido incompleto en cuanto a la regulación estatutaria de las lenguas oficiales en esa comunidad autónoma, sea o no deliberada". Por ese motivo require á Xunta a que actúe para “impedir con carácter inmediato que continúe trasladándose al alumnado una información inexacta e incompleta y, por lo tanto, falsa" por que o libro “carece del rigor científico imprescindible" e "transmite una información contraria a la configuración constitucional de la cooficialidad lingüística como expresión jurídica del bilingüismo". Sen palabras, aínda que unha consulta do libro é elocuente en canto aos prexuizos que alberga esta forma de resolver a queixa5.

6 Sentezas: o Boletín Oficial da Provincia

Á espera dos fallos sobre o Decreto de plurilingüismo de 2010 que non deberían tardar, neste periodo só cabe destacar unha sentenza dun xulgado do contencioso de Pontevedra (Sentenza 237/2011, de 15 de xullo de 2011). A deputación provincial viña publicando en castelán todos os anuncios no BOP e mesmo o encabezamento e seccións tiña a denominación integramente en castelán. Esta sentenza resolve un recurso dun deputado provincial do BNG en relación cunha resolución do Presidente da Deputación frente a unha reclamación por inactividade ao amparo do artigo 29 da LXCA por incumprimento da Ordenanza Provincial de Normalización Lingüística aprobada o 24 de abril de 1989 que ordena no seu artigo 9 que:

“Os anuncios oficiais da corporación que se publiquen no BOP, DOGA ou calquera medio de comunicación radicado no territorio da nosa Comunidade Autónoma, serán redactados en galego. Fora do ámbito lingüístico galego, a publicidade farase xeralmente en versión dobre”.

Este artigo completábase cun 10 no que se establecía que con carácter xeral as publicacións da Deputación, periódicas ou non, realizaríanse en lingua galega.

Tamén a Ordenanza reguladora do Boletín Oficial da Provincia de 26 de marzo de 2010 ordenaba que a súa estrutura, denominación e encabezamento sería en galego e os anuncios publicados no idioma en que foran remitidos.

Pois ben a sentenza estima o recurso contencioso administrativo e declara a actividade impugnada non conforme a dereito “pois a Deputación Provincial de Pontevedra ven inaplicando a Ordenanza de Normalización Lingüística, polo que procede condear á citada administración provincial ao exacto

Page 177

cumprimento da ordenanza referida coa íntegra publicación en galego do Boletín Oficial da Provincia, tanto no referido ao formado do mesmo como aos textos propios da Deputación Provincial”.

7 Os recortes orzamentarios comezan polas axudas lingüísticas

Os axustes pola crise económica sacudiron con forza as partidas orzamentarias da Secretaría Xeral de Política Lingüística nos últimos anos. Desde 2009 a redución experimentada é de case o 63% pasando de 21,5 millóns de euros no 2009 a 8,1 millóns de euros no orzamento de 20126. Os programas dependentes doutros órganos da Administración tamén sofreron recortes semellantes. No final de 2011, a estes recortes orzamentarios xa previstos hai que engadir a inédita práctica de suprimir convocatorias de axuda xa en marcha nas que os solicitantes tiñan presentado a documentación e estaban agardando a resolución. Sucesivamente no Diario Oficial de Galicia fóronse anulando convocatorias directa ou indirectamente relacionadas coa lingua que tocan ademais a ámbitos especialmente sensibles como son os servizos de normalización lingüística e a elaboración de materiais didácticos.

Así a Orde do 7 de setembro de 2011 pola que se deixa sen efecto a Orde do 4 de marzo de 2011, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se establecen as bases para a concesión de subvencións ás entidades locais de Galicia para a promoción do uso da lingua galega, e se procede á súa convocatoria (ED115A)(DOG de 9 de setembro) recolle unha serie de argumentos que son repetidos posteriormente noutras decisións semellantes. A supresión desta convocatoria inviabiliza unha parte relevante dos servizos de normalización lingüística municipais, especialmente en concellos pequenos, altamente dependentes desta convocatoria desde hai anos para manter ao persoal que presta esta atención nos concellos.

Coa disculpa da non achega de anticipos por parte do goberno central do fondo de cooperación procédese á deixar sen efecto a convocatoria xa en marcha:

“A política orzamentaria, que implica o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, exixe nestes momentos efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados aos diferentes centros de gasto que conforman os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, ante os posibles incumprimentos, por parte do Estado, dos compromisos de achegas de anticipo do fondo de cooperación previsto para 2011 no sistema de financiamento e nos ingresos da comunidade”.

En parecidos termos se anula a convocatoria, esencial para o ensino, de elaboración de recursos didácticos en galego pola Orde do 7 de setembro de 2011 pola que se deixa sen efecto a Orde do 1 de marzo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios, e se procede á súa convocatoria (ED106A) (DOG de 9 de setembro)

Tamén corre a mesma sorte o financiamento de actividades culturais coa Orde do 5 de outubro de 2011 pola que se deixa sen efecto a Orde do 11 de maio de 2011 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a fundacións, asociacións e institucións culturais que desenvolven as súas actividades en Galicia, para o seu funcionamento e para a realización de programas e actividades culturais, e se procede á súa convocatoria para o ano 2011 e parte do 2012 se ben neste caso non son problemas co fondo de cooperación senon o equilibrio orzamentario os que se usan para xustificar a anulación.

Page 178

“Con motivo da política orzamentaria, que implica o necesario equilibrio entre ingresos e gastos, resulta necesario efectuar un axuste nos créditos inicialmente asignados aos diferentes centros de gasto que conforman os orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por outra parte, o artigo 57 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, establece que non poderán adquirirse compromisos de gastos por contía superior ao importe dos créditos que figuren nos estados de gastos”.

Mantívose, pola contra, a convocatoria de centros plurilingües na que novamente se prima aos colexios concertados xa que mentras representan o 22,3% do total de centros galegos, na listaxe de plurilingües ocupan o 42%. A Orde do 8 de setembro de 2011 pola que se autorizan novos centros plurilingu es na Comunidade Autónoma de Galicia, para o curso 2011-2012 resolve a convocatoria pola que os centros se acollen a axudas a cambio de impartir máis materias en inglés (DOG 13.10.2011).

---------------------

[1] DOG de 28 de outubro de 2011 (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2011/20111028/AnuncioC3C1-211011-7835_gl.pdf)

[2] http://www.youtube.com/watch?v=scARyXKiZHk

[3] http://www.puntogal.org/

[4] http://www.europapress.es/galicia/noticia-mesa-urge-parlamento-destituya-benigno-lopez-promueve-concentracion-jueves-sede-valedor-20111212142223.html http://www.farodevigo.es/galicia/2011/12/11/valedor-urge-educacion-retirar-libro-obvia-castellano-lengua-oficial/605009.html

[5] http://issuu.com/carta_xeometrica/docs/galego_lingua_propia_vicens_vives_medio_5_galicia/2

[6] http://praza.com/politica/18/a-xunta-recortou-un-62-o-orzamento-de-politica-linguistica-dende-2009/

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR