Crònica legislativa: Galícia

AutorAlba Nogueira
CargoProfesora titular de dereito administrativo. Universidade de Santiago de Compostela.
Páginas228-233

Page 228

Malos tempos para a lingua

1. Introducción

O segundo semestre de 2010 mantén a tónica regresiva iniciada desde o cambio de goberno en 2009 aínda que a nota distintiva do semestre pode ser a inactividade formal acompañada dunha escalada nas declaracións públicas que afondan no conflito lingüístico e na consolidación dos prexuizos.

Non é un periodo no que exista apenas ningunha decisión normativa significativa aínda que o proceso de implantación do novo Decreto de plurilingüismo para o ensino se produce neste periodo. Pese á opacidade da Administración, pode adiviñarse o efecto que comeza a ter no retroceso da presencia do galego nas aulas.

2. Acción e omisión en normas que deberían establecer usos lingüísticos

O Parlamento galego aprobou no segundo periodo de sesións de 2010 dúas leis con relevancia en canto aos dereitos lingüísticos: a Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia1e a Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.2A Lei do Comercio interior de Galicia contén unha tímida regulación lingüística que supón a culminación dunha polémica iniciada na anterior lexislatura cun proxecto de lei que decaeu por finalización da legislatura.3* Alba Nogueira López, profesora titular de dereito administrativo. Universidade de Santiago de Compostela.

Page 229

O artigo 5 recolle unha previsión xenérica de respecto dos dereitos lingüísticos na actividade comercial (polo tanto de compradores e vendedores) e sitúa na órbita pública -non nos establecementos comerciais- a garantía do uso normal das dúas linguas oficiais:

Art.5.4. O exercicio da actividade comer-cial levarase a cabo con rigoroso respecto aos dereitos lingüísticos recollidos no artigo 5º do Estatuto de autonomía para Galicia. Ninguén poderá ser discriminado ou

Resulta claro que se renuncia a fixar garantías de atención lingüística aos clientes de establecementos comerciais na lingua da súa elección mesmo cando falamos de grandes superficies ou establecementos que podían incorporar facilmente nos seus procesos de selección de persoal criterios lingüísticos.

Compre sinalar que este precepto contrasta co comentado na crónica do 1º semestre de 2010 en relación coa Lei 1/2010, de 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello,4no que se fixa o sometemento á normativa lingüística autonómica dos prestadores de servizos con independencia da súa nacionalidade nun contexto de libre circulación europea e, ademais, obrígase a que estes atendan aos seus clientes nas comunicacións oral e escrita en galego («deberán ofrecer»). No que parece unha visión contraditoria do tratamento da lingua en relación cos prestadores de servizos (que tamén poden ser comerciantes) estranxeiros e o que se entende como normativa aplicable a comerciantes fundamentalmente «autóctonos» o Parlamento acordou tamén unha transacción a unha proposición non de lei (nº33634) o 28.10.2010 co seguinte texto:

O Parlamento de Galiza insta o Goberno galego a adoptar as medidas precisas para lle dar cumprimento ao disposto na Disposición Adicional Sexta da Lei 1/2010, de 11 de febreiro, a través do seu desenvolvemento regulamentario e normativo, a fin de acadar:

Page 230

  1. A normalización progresiva do uso da lingua galega na relación entre os usuarios e os prestadores de servizos que operan na Galiza.

  2. O respecto, dos prestadores de servizos, do marco legal vixente en materia lingüística, especialmente a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.

  3. Así, os prestadores de servizos deberanlles oferecer aos seus destinatarios a posibilidade de manteren a comunicación oral e escrita en lingua galega.

  4. Con estes obxectivos, porase en práctica unha estratexia de comunicación e difusión da oferta positiva para a divulgación dos contidos do referido marco legal.

No caso da Lei de organización e funcionamento da Administración xeral autonómica sorprende a omisión do tratamento dos dereitos lingüísticos ou os usos lingüísticos. Ningunha referencia figura en canto ao rexime lingüístico da Administración como sí se explicita na contemporánea Llei 26/2010, del 3 d’agost, de règim jurídic i de procediment de les administracions públiques de Catalunya, na que, ademais, existía un marco normativo moito máis completo na Lei de Política lingüística previa. Tampouco se recolle sequera unha regulación dos dereitos lingüísticos dos cidadáns como o que figura na estatal Lei 30/1992. En definitiva, desaprovéitase a ocasión de que a tardía regulación do rexime xurídico da Administración incorporara unha regulación dos usos lingüísticos da Administración e os entes que dela dependen e determinara os dereitos da cidadanía en canto ao uso das linguas oficiais no ámbito administrativo.

3. A implantación do Decreto 79/2010, de 20 de maio, para o plurilingüismo e a Orde de centros plurilingües

Seguindo o que parece xa un patrón de conducta a Consellería de Educación agardou ao final de curso para publicar a Orde do 30 de xuño de 2010 pola que se regulan, con carácter experimental, os centros plurilingües na Comunidade Autónoma de Galicia, para o curso 2010/2011.5Con esta convocatoria quere destinarse recursos suplementarios e realizar un labor de formación do profesorado que camiñe na senda de implantar máis horas de docencia de materias do curriculum escolar en linguas extranxeiras. Esta Orde foi resolta resultando 58 centros autorizados, dos que si ben 33 son públicos e 25 privados,

Page 231

no reparto de unidades 50 son privadas e 43 públicas. Nas grandes cidades 17 centros son privados e só 4 públicos. En números absolutos a presenza de centros plurilingües respecto do conxunto da rede privada triplica en porcentaxe a de centros plurilingües na rede pública. Ademáis en case un 40% dos casos nos centros privados a materia que se imparte en lingua extranxeira é a de Coñecemento do medio que o Decreto fixaba entre as que debían ser ensinadas en galego.

Con elevada polémica iniciouse o primeiro curso no que se ía implantar o Decreto 79/2010 de plurilingüismo. Frente a el presentáronse recursos por parte da organización sindical maioritaria no ensino CIG, por A Mesa pola Normalización Lingüística e por Galicia Bilingüe (con un signo contrario nas súas pretensións). Hai que destacar polo inusual o recurso que decidiu presentar a Real Academia Galega en defensa das súas competencias estatutarias de consulta en materias relacionadas coa lingua -non foi solicitado o seu parecer sobre a proxecto de Decreto- e en clara discrepancia co fondo do texto aprobado.

Mediante un Auto de 13 de setembro de 2010 o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza acordou denegar a medida cautelar de suspensión da aplicación do Decreto solicitada pola Mesa pola Normalización lingüística en virtude do interese público no mantemento da lexislación vixente e considerar que non se atopa destruida a apariencia de bo dereito nin hai «periculum in mora». O Auto indicaba que «sen desprezar a importancia dos informes que se achegan co escrito de interposición do recurso, emitidos por institucións tan relevantes como a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega, as tres universidades públicas desta Comunidade Autónoma e o Consello consultivo de Galicia» compre agardar a tomalas en consideración ao momento de xulgar o fondo do asunto. Seguía por tanto a práctica habitual de restricción no acordo de medidas cautelares que, de feito, tiña sucedido tamén en relación coa medida cautelar solicitada polo grupo Asociación Gallega para la libertad del Idioma -un grupúsculo efímero contrario ao uso do galego- en 2007 frente ao anterior Decreto (Auto de 7.9.2007).

Por outra banda a opacidade presidiu a consulta ás familias que tiñan fillos e fillas de 3 anos en educación infantil para coñecer a súa preferencia lingüística e determinar a lingua de ensino para toda a etapa de educación infantil. Case un ano despois -xullo de 2011- a Xunta de Galicia non facilitou os datos desa consulta. Non obstante avaliacións aproximativas realizadas por algún sindicato mediante unha consulta aos centros educativos nos entornos urbanos

Page 232

mostraba ao redor dun 40% de familias que facía a opción por un ensino en galego -coincidente cos datos da enquisa realizada o ano anterior-. Curiosamente o sistema elexido de determinación maioritaria e por unha única vez en todo o periodo de educación infantil provoca que esa preferencia 40% se traduza nun mínimo 12% das aulas con docencia efectiva en galego polo xogo das maiorías e minorías na distribución en cada aula.

Unha mostra tamén da conflictividade existente foi a existencia dun amplo movemento, especialmente de profesorado das áreas matemática e científicotecnolóxicas, de oposición á obriga de impartir estas materias en castelán.6Nun número elevado de centros rexeitouse a decisión de descartar os libros de texto en galego aínda en uso -mediante un sistema de empréstimo por catro anos- para proceder a un cambio por motivos exclusivamente lingüísticos (este cambio en contra do uso do galego e en favor do castelán tivo un custo de 2 millóns de euros.7Paralelamente a Xunta licitou unha campaña de 750.000 euros para publicitar as bondades do novo sistema.8

4. Axudas para o galego ou con condicionado lingüístico

Non imos realizar unha relación pormenorizada das convocatorias de subvencións realizadas neste periodo coa finalidade directa de promover o uso do galego ou ben con condicionados lingüístico que, indirectamente, contribue a unha maior presenza da nosa lingua en actividades que reciben apoio público. Tan só cabe sinalar, que co pretexto da crise, as axudas públicas están sofrendo un recorte e aquelas ligadas á producción de contidos culturais en galego son das máis afectadas por unha política de austeridade sesgada e que non se predica coa mesma intensidade para outras esferas da actividade administrativa (ex. gastos en campañas de publicidade).

Símboliza esa contradición entre o que se declara e os obxectivos reais que se perseguen a Resolución do 16 de setembro de 2010, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas económicas, en réxime de concorrencia non competitiva, destinadas a empresas xornalísticas e de radi-

Page 233

odifusión e se procede á súa convocatoria para o ano 2010.9Esta convocatoria cun orzamento de máis de millón e medio de euros supón unha das vías principais de sostemento dos medios de comunicación. Aparentemente o obxecto do financiamento sería apoiar ás empresas que «publiquen ou difundan informacións, programas, artigos, reportaxes, colaboracións ou seccións orientadas a alentar a defensa da identidade de Galicia, a promoción dos seus valores, a normalización da lingua e a difusión da súa cultura. Na súa produción informativa deberá ter un especial protagonismo o idioma galego» (art.2). Non obstante os criterios de cuantificación do importe da axuda tan só conceden un 30% da contía asignada polo «criterio referido ao emprego regular do galego por parte do medio», distribuíndose o 70% restante en función da difusión do medio. Poténciase, por tanto, prioritariamente aos medios xornalísticos ou radiofónicos de maior difusión cunha traxectoria esencialmente en castelán nos que a aparición de noticias en galego é puramente ocasional e habitual-mente ligada a noticias que forman parte de convenios de información financiada por órganos da Administración -en consecuencia cun doble financiamento-.

[1] DOG de 29 de decembro, http://www.xunta.es/dog/Publicados/2010/20101229/Anuncio4511E_gl.html

[2] DOG de 31 de decembro, http://www.xunta.es/dog/Publicados/2010/20101231/Anuncio4582E_gl.html

[3] Este artigo supón unha rectificación da liña que marcaba o proxecto de Lei de comercio da anterior lexislatura que incluía obrigacións de rotulación en galego destes establecementos e fixaba: «O exercicio da actividade comercial levarase a cabo con rigoroso respecto aos dereitos lingüísticos recollidos no artigo 5 do Estatuto de Autonomía de Galicia das persoas compradoras». No novo texto non existen dereitos específicos dos compradores senon que tamén os empregados dos establecementos parecen ter uns dereitos lingüísticos o que impide políticas de garantía lingüística na regulación da atención ao público.

[4] Nogueira López, «Equilibrio formal ou igualdade real? Regresividade na regulación lingüística do ensino e outras rebaixas», Llengua i Dret, nº 55/2011, p.241 e ss. atendido incorrectamente en razón á lingua empregada. Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal dos dous idiomas.

[5] DOG de 6 de xullo, http://www.xunta.es/dog/Publicados/2010/20100706/Anuncio25372_gl. html

[6] http://www.xornal.com/artigo/2010/09/01/politica/xunta-advirte-aplicara-lei-insubmisos-aodecreto/2010090123044402597.html. Vid tamén http://www.cienciaengalego.org/index10.htm

[7] http://www.xornal.com/artigo/2010/11/02/politica/educacion-gastara-millons-na-version-caste-la-libros-galego/2010110122283700627.html

[8] Resolución do 21 de outubro de 2010, da Secretaría Xeral de Medios, pola que se fai pública a adxudicación dun contrato administrativo (DOG de 17 de novembro)

[9] DOG de 20 de setembro.

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR