Crònica legislativa de Galícia

AutorAlba Nogueira López
CargoProf. titular de Dereito Administrativo, Universidade de Santiago de Compostela
Páginas181-187

Page 181

Ano 2013

A protección do galego baixo mínimos

1. Introdución

En todas as frontes segue a producirse un profundo proceso de involución na protección do galego. Se o ensino segue sendo un ámbito moi preocupante cunha ofensiva dupla do goberno estatal e autonómico, o certo é que non existen moitos lugares solleiros para a lingua en 2013 se exceptuamos a boa nova do dominio .gal, curiosamente froito dunha iniciativa da sociedade civil.

2. Leis: A Xunta non recorre a LOMCE As novas Lei de Galeguidade e a Lei do Sistema universitario de Galicia

Malia o amplo rexeitamento social da LOMCE (Lei Orgánica de Modificación da Lei de Calidade da Educación) e o seu pernicioso efecto na consideración da lingua galega e nas competencias autonómicas en materia educativa para a fixación de contidos propios, o goberno galego non vai recorrer a LOMCE ante o Tribunal Constitucional. Con dilixente obediencia a Consellería de Educación defendeu as bondades da LOMCE, mesmo nos aspectos lingüísticos, por contribuír ao equilibrio lingüístico “tal e como defendeu a Consellería desde un primeiro momento, a lingua e a literatura galega terán o mesmo peso que a lingua e a literatura castelá”1. Unha posición, en todo caso, coherente coa política lingüística no eido educativo levada a cabo polo goberno autonómico nesta lexislatura e a anterior.

O Parlamento autonómico aprobou a Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia2.

Aínda que no trámite previo de consulta pública tanto a Confederación Intersindical Galega (CIG) como a Universidade da Coruña intentaron introducir referencias máis concretas ao galego, nomeadamente na súa esixencia como un requisito para o acceso aos postos docentes e de servizos, o certo é que as referencias á lingua son escasas e non pasan dun mero contido de fomento3.

Page 182

O artigo segundo establece a promoción do galego como un dos obxectivos do Sistema Universitario de Galicia.

Art.2.1. Recoñécense como obxectivos e fins propios do SUG os seguintes: f) A promoción do galego, lingua oficial e propia de Galicia, e a súa coexistencia co castelán, tamén lingua oficial, e, se for o caso, con outras linguas de interese para a docencia e a investigación.

Porén, e aí apréciase a orientación do texto da lei, esta referencia mesmo sendo puramente desiderativa supón un cambio con respecto á anterior lei de universidades. A Lei 11/1989 non introducía a referencia ao castelán nun punto cun contido moi semellante a este: “5) A promoción do galego, lingua propia de Galicia como idioma vehicular no ensino superior, na investigación científica e na creatividade artística e cultural”.

Significativamente non é ata o artigo 89 da lei no título dedicado á comunidade universitaria no que se introduce algunha referencia á lingua máis concreta e que elude calquera aspecto prescriptivo ou de facer o coñecemento do galego un requisito para o acceso ao emprego público universitario. Só medidas de fomento e a posibilidade (“poderá”) do galego ser considerado un mérito a efectos de complementos retributivos do persoal docente.

Artigo 89. A lingua

  1. O galego e o castelán son as linguas oficiais das universidades de Galicia. O uso das linguas oficiais nas actividades universitarias rexerase pola Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingu

    ?
    ística, e polo que dispoñan as normas propias das universidades.

  2. O galego, como lingua propia de Galicia, é a lingua de uso normal nas actividades das universidades.

  3. A Xunta de Galicia e as universidades, no ámbito das súas competencias, estimularán o coñecemento e o uso do galego en todos os aspectos da actividade universitaria e fomentarán a súa aprendizaxe entre todos os membros da comunidade universitaria.

  4. O uso do galego na actividade docente e investigadora poderá terse en conta para os efectos de recoñecemento de méritos individualizados do labor docente e investigador.

    As limitadas referencias da lei ao uso do galego na universidade contrastan cunha situación de uso minguante na docencia e á práctica invisibilidade na investigación. Non existen datos contrastados das Universidades de Coruña e Vigo, mais os da Universidade de Santiago4revelan que aproximadamente un 23% da docencia se impartiu en galego no curso 2013-14 (16% nos graos e 31% nos mestrados). Unhas cifras non moi alentadoras, é con tendencia á baixa nos graos, que por outros datos semellan aínda menores nas outras dúas universidades. No ámbito da investigación o consenso das universidades para, a través da Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística na que tamén está integrada a Xunta, encargar o informe “Investigación e lingua. Propostas para a mellora da presenza do galego na actividade científica” en 2013, debería ter continuidade co impulso das medidas propostas5.

    A Lei 7/2013, do 13 de xuño, da galeguidade6 quere dar desenvolvemento ao mandato estatutario que, no seu título preliminar, salienta a importancia que a diáspora tivo nos últimos dous séculos para o pobo galego, establecendo que as comunidades galegas asentadas fóra de Galicia poidan solicitar o recoñecemento da galeguidade e actualizando as previsións da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, unha das primeiras da xeira autonómica.

    A Lei recoñece unha serie de dereitos ás comunidades galegas entendidas como “entidades sen ánimo de lucro, asentadas fóra de Galicia e constituídas por galegos/as, con personalidade xurídica no territorio en que estean asentadas e que teñan por obxecto principal os labores de protección, instrución ou lecer dos/das galegos/as residentes fóra de Galicia e dos/das seus/súas descendentes, e/ou o mantemento ou o fomento dos lazos culturais, sociais ou económicos con Galicia”.

    Inclúense varias referencias á lingua, cousa por outra banda normal tendo en conta que se está regulando ao apoio a entidades cunhas finalidades esencialmente culturais e de mantemento dos vencellos coas orixes galegas.

    Page 183

    Así entre os fins destas comunidades galegas estaría o apoio ao coñecemento da lingua tanto entre as persoas membros como nas sociedades dos países nos que están integradas.

    Artigo 7. Fins

    A Comunidade Autónoma de Galicia recoñece a galeguidade das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia e o seu dereito a colaboraren e a compartiren a vida social, cultural e económica do pobo de Galicia, cos seguintes fins:

    d) Impulsar o coñecemento, divulgación e uso do idioma galego e o coñecemento e divulgación da creación e produción cultural en galego, tanto entre os membros da comunidade como nas sociedades de acollida.

    Nun plano algo máis vinculante esíxese que estas entidades adopten un compromiso de difusión da lingua e cultura galegas ao introducir este coma un dos requisitos para poder optar ao recoñecemento de galeguidade.

    Artigo 8. Requisitos

  5. Para o exercicio dos dereitos recollidos nesta lei, a Comunidade Autónoma de Galicia recoñecerá a galeguidade como comunidades galegas ás entidades galegas que cumpran os seguintes requisitos:

    h) Difundir a cultura e a lingua galegas mediante o desenvolvemento de obradoiros e actividades divulgativas nos territorios onde estean asentadas.

    Con menos alcance recoñécese un “dereito” a coñeceren e difundiren a lingua galega nas respectivas comunidades. A única eficacia práctica que se nos alcanza deste recoñecemento podería ser o acceso destas entidades aos cursos de capacitación de galego organizados pola Xunta de Galicia.

    Artigo 23. Alcance do recoñecemento da galeguidade na orde cultural

  6. O recoñecemento da galeguidade das comunidades galegas asentadas fóra de Galicia implica na orde cultural:

    b) O dereito a coñeceren e a difundiren a lingua galega no ámbito das súas comunidades.

3. A voltas co Decreto de plurilingüismo e o galego na educación

O uso do galego no ensino e o polémico Decreto 79/2010, de 20 de maio, de plurilingüismo seguen ofrecendo novos episodios. En 2013 a Confederación Intersindical Galega solicitaba a execución da Sentenza pola que o Tribunal Superios de Xustiza de Galicia (TSXG) anulaba o artigo que establecía que a lingua do ensino en Educación Infantil se elexiría a través dunha enquisa entre os pais y a previsión que permitía aos alumnos de todas as etapas usaren en clase e os exames a lingua cooficial que eles quixer aínda que non fora na que se impartiu a asignatura. Esta solicitude de execución producíase despois de que a Xunta de Galicia afirmara inicialmente non ter intención de realizar ningunha modificación do Decreto.

Finalmente a presentación pola Confederación Intersindical Galega (CIG) do incidente de execución de sentenza o 1 de xullo de 2013 levou á Xunta a ditar unha instrución administrativa o 31 dese mesmo mes (no último día pre-vacacional e moito despois de rematar o período lectivo e por tanto a capacidade para organizar o curso entrante) pola que atribúe aos establece que deben ser os equipos directivos dos colexios os que tomen a decisión da lingua vehicular en Educación Infantil basándose na consulta ás familias sobre a lingua materna dos cativos, os estudos sociolingü
ísticos e o “equilibrio” lingü
ístico.

A Xunta teima en seguir adiante coa súa cruzada lingüística recorrendo ante o Tribunal Supremo (TS) as Sentenzas do TSXG en casación. Malia ás demandas da sociedade civil para que acatara as sentenzas o camiño da confrontación e reafirmación no modelo regresivo na presenza do galego segue en marcha coa casación ante o TS7.

Noutra orde de cousas a denegación de bolsas de estudo universitarias polo goberno central a solicitantes que entregaran os certificados de estudos en lingua galega –só se aceptaban en castelán ou inglés- foi xustificada por fontes ministeriais no caso do castelán por “«cuestións prácticas», porque non están en disposición de ter persoal con coñecemento de todas as linguas oficiais do Estado e porque deste xeito se axiliza o procedemento para avaliar os expedientes dos aspirantes. Sobre o feito de que se aceptase documentación nunha lingua non oficial en España, o inglés, desde o Goberno central insistiron en que se aceptou porque é

Page 184

o «idioma da ciencia»”8.

A Consellería de Educación remitiu unha carta ao Ministerio ofrecéndose a traducir os certificados. Unha solución en todo caso incoherente co previsto na Lei 30/1992 de procedemento administrativo común que fai recaer na administración instrutora a obriga de tradución dos documentos para garantir os dereitos dos administrados.

4. O uso do galego na contratación pública

Dúas decisións en 2013 ameazan a presenza do galego na contratación pública. Por un lado o Acordo 1/2013 da XCCA-Galicia sobre o uso das linguas oficiais nos procedementos de contratación de 7 de febreiro de 20139, por outro o convenio para que os recursos contractuais se diluciden polo Tribunal estatal renunciando á creación dun órgano propio para a resolución destes recursos especiais contractuais.

Polo que respecta ao Acordo da Xunta Consultiva de Contratación Administrativa de Galicia este parte da mención á obriga de promoción e uso do galego polas Administracións públicas para, a continuación, que iso debe facerse de acordo co principio de non-discriminación. No ámbito da contratación pública “os principios xerais de libre acceso ás licitacións, de publicidade e transparencia dos procedementos e de non discriminación e igualdade de trato entre os candidatos esixen, no marco normativo definido polo dereito comunitario no Tratado e nas Directivas, unha correcta difusión das actividades contractuais que, en referencia ao idioma utilizado, non provoquen limitación algunha deses principios”.

Esta argumentación serve á Xunta Consultiva de Contratación Administrativa para facer unha interpretación rigorosa do artigo 36 da Directiva 2004/18/CE, de coordinación dos procedementos de adxudicación dos contratos públicos de obras, subministración e servizos que obriga a remitir nunha lingua comunitaria oficial os anuncios de licitación.

O Acordo indica que aínda que os anuncios si que se publican en castelán non sucede o mesmo cos pregos de contratación:

2.- Constátase na nosa Comunidade Autónoma que, en cumprimento do parágrafo 4 do artigo 36 da Directiva 2004/18/CE é práctica habitual nas administracións galegas que os anuncios se envíen á Oficina de publicacións do DOUE nunha lingua oficial da Unión, xeralmente utilizando o idioma castelán. Non obstante o anterior observase que non acontece o mesmo cos pregos que rexen a contratacións téndose detectado que, en moitos casos, só están dispoñibles aos licitadores en lingua galega”.

O propio acordo recoñece que os pregos non forman parte do anuncio que estaría sometido a esas obrigas comunitarias mais fai unha interpretación extensiva que, amparándose en pretendidas solicitudes da UE:

Así, apelando ao artigo 2 da Directiva 2004/18/CE sobre coordinación de los procedimientos de adjudicación de los contratos públicos de obras, de suministro y de servicios, –segundo o que os poderes adxudicadores darán aos operadores económicos un tratamento igualitario e non discriminatorio e obrarán con transparencia–, a Comisión interpreta que a discriminación entre licitadores se produce xa dende o momento en que os pregos da licitación están dispoñibles só nunha lingua non oficial na UE e argumenta que só á vista dos pregos pode o licitador potencialmente interesado formular unha oferta coas garantías suficientes de posuír a información correcta. Engade a Comisión que, por razóns obvias de carácter técnico (a extensión do texto e o seu volume), os pregos non poden publicarse integramente no DOUE, pero que esta carencia se suple coa publicación da referencia de “onde” e “como” consultalos (ou do vinculo para o seu acceso electrónico), polo que, considerados como complemento da información do anuncio, deben ser facilitados nunha lingua oficial da UE.

Estas consideracións levan á Xunta Consultiva de Contratación Administrativa (XCCA) a obrigar a redacción en castelán ou noutra lingua oficial de toda a documentación dos contratos suxeitos a publicidade comunitaria.

  1. - Considerando o anterior, e sen esquecer que, segundo a normativa vixente, na Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e nas entidades locais de Galicia se usará normalmente o galego escrito

Page 185

nas relacións coa cidadanía, ínstase aos órganos de contratación do sector público que os pregos dos expedientes de contratación suxeitos a publicidade comunitaria sexan redactados, ademais de en idioma galego, nun idioma oficial da UE e que sexa esa a versión facilitada á Oficina de publicacións do DOUE, ben directamente, ben a través do vínculo para o seu aceso electrónico.

Para materializar estes acordos adóptanse unha serie de decisións técnicas referidas aos portais web que obriga á publicación bilingüe de toda a información. Curiosamente este cambio, que se pretende obrigatorio, faise para todos os contratos con independencia deles ser obxecto de publicidade comunitaria ou non. Co pretexto do cumprimento dos mandatos da UE dase un cambio aos usos lingüísticos xerais en materia de contratación administrativa.

Conclusión SEGUNDA- En virtude do disposto no artigo 7 do Decreto 201/2011, de 13 de outubro, que regula a presenza da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia en internet, e do artigo
13.4 da Guía de políticas Web, de obrigado cumprimento para todos os portais web, contidos ou servizos web sociais e participativos integrados na Rede de portais da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, os contidos que se publiquen nos perfís de contratante e/ou na Plataforma de contratos públicos de Galicia (PCG) facilitaranse en galego e castelán, sen perxuízo da inclusión noutras linguas de contidos e servizos que se consideren de interese.

Finalmente aborda tamén as queixas de empresarios aos que as certificacións realizadas para acreditar a súa solvencia técnica lles son rexeitadas por estar en galego cando concorren a contratos fóra de Galicia. Aquí a XCCA limítase a recordar a obriga de tradución que recae na Administración instrutora.

TERCEIRA- Se ben nas relacións cos interesados dun procedemento contractual usarase normalmente o galego escrito, en atención ao disposto no artigo 36.3 da Lei 30/1992, do 28 de novembro, de Réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, é conveniente instar unha boa praxe na expedición de certificados de maneira que, quen desexe que eses documentos produzan tamén efectos fóra da Comunidade Autónoma ou que sexan emitidos en castelán deberá expresalo así na solicitude, recaendo nas unidades tramitadoras a obriga de atender a devandita petición.

Por outra banda, en relación cos recursos, o BOE de 25 de novembro publicaba o Convenio polo que o Goberno galego atribuía as competencias en materia de recursos contractuais ao Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuales10. O texto refundido da Lei de Contratos do Sector Público aprobado polo Real Decreto Legislativo 3/2011, de 14 de novembro, establecía no seu artigo 41.3 que as Comunidades Autónomas poderían atribuir a competencia para a resolución dos recursos especiais regulados nela, así como das solicitudes de medidas cautelares e cuestións de nulidade que se interpoñan contra os actos do procedemento de adxudicación ou contra os contratos xa adxudicados. Galicia colle este camiño con implicacións competenciais que vai ter, tamén, consecuencias lingüísticas.

Como sinalaban deputadas do Bloque Nacionalista Galego (BNG) nunha pregunta parlamentar “esta decisión tamén supón un paso máis no proceso de desgaleguizacion das administracións públicas. Todos os recursos especiais en materia de contratación (tanto da Xunta de Galiza como da administración local) terán que ser redactados en castelán. Esta situación non se dá en ningunha das outras nacións con lingua propia que si contan con Tribunal. Estamos pois ante un retroceso, non só pola centralización que agocha, senón polo dano ao proceso de normalización da lingua galega no ámbito das administracións públicas” (Pregunta para a resposta oral en comisión con rexistro 16215, de 4.12.2013 das deputadas Ana Pontón Mondelo e Tereixa Paz Franco do BNG).

5. Os sinais de tránsito en vías urbanas e interurbanas

A sinalización pública tanto urbana como de vías interurbanas foi obxecto dunha certa conflitividade en 2013.

Nas vías urbanas algúns cidadáns multados por infraccións de tránsito están buscando a nulidade das sancións en base a unha pretendida violación das previsións “do artigo 56 da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a motor e seguridade Vial e o artigo 138 do Regulamento Xeral de Circulación” en relación coa lingua da sinalización. Un procedemento de queixa tramitado polo Valedor do Pobo de Galicia en relación cunha multa imposta polo Concello de Pontevedra e unha Sentenza do Xulgado do ContenciosoAdministrativo nº 1 de Ourense por unha sanción nesta cidade, fan proba desta nova litixiosa.

Page 186

No caso do Concello de Pontevedra a existencia dunha sentenza previa anima a un viciño a levar ao Concello ao Valedor do Pobo (A.4.Q/806/13) denunciando a imposición de multas por aparcar en carga e descarga en base á súa incomprensión do rótulo (Prohibido aparcar. Agás carga e descarga). O Valedor abre un procedemento de investigación ao que o Concello argumenta a súa competencia para fixar os paneis indicativos municipais en base tanto á Lei 3/1983, de 15 de xuño, de Normalización Lingüística, como á Lei 5/1997, de 22 de xullo, reguladora da Administración Local galega. Indica ademais que hai que diferenciar os “sinais de circulación”, aos que se referiría a normativa estatal de tráfico, dos “paneis de sinalización das vías públicas” ou as inscricións dos “paneis complementarios”, de competencia municipal. O Valedor nun escrito de 21 de novembro de 2013 non acepta esta distinción e emite unha recomendación de que as indicacións escritas “que se inclúan ou acompañen aos paneis de sinalización e as inscricións, estea rotulado tanto en castelán como en galego”.

Polo que respecta á Sentenza 199/2013 do Xulgado do C-A de Ourense, este órgano xurisdiccional decide desestimar o recurso contra a imposición dunha multa por aparcar en carga e descarga que utilizaba semellantes argumentos. Son interesantes os fundamentos da sentenza que buscan demostrar que non houbo unha “omisión total e absoluta do procedemento establecido”. Afírmase así:

O certificado do padrón municipal achegado polo Concello, e a proba de interrogatorio do demandante, demostraron que este naceu en Galicia, que leva máis de quince anos residindo na cidade de Ourense, na que obtivo o carné de conducir, e na que conduce habitualmente dende tempo atrás. Tamén recoñeceu o recorrente que cursou e superou a materia de galego na súa etapa formativa, e que entende o galego falado, aínda que se expresa habitualmente en castelán.

En consecuencia, resulta obvio que puido comprender perfectamente o mandato contido nos referidos sinais (vertical e horizontal) que prohibían estacionar o seu vehículo no lugar e hora no que se cometeu a infracción. A liña amarela pintada na calzada expresa claramente unha prohibición de estacionamento (artigo 171.b/ e aptdo. 6.5 do Anexo I do Regulamento de circulación). O disco circular do sinal vertical exprésase cunha grafía universal que, tamén moi claramente, prohibe estacionar (artigo 154 do Regulamento). O horario que abrangue a prohibición exprésase en linguaxe numérica. E a indicación “laborábeis”, que se traduce en castelán por “laborables”, resulta intelixible incluso para un foráneo que nunca antes tivese estado en Galicia. A última frase do rótulo “agás carga e descarga” refírese a unha excepción da prohibición, facilmente deducible no contexto do sinal, excepción que non afecta ao recorrente, pois non alegou que dispuxese do título de transportista profesional que lle permitiría utilizar ese espazo restrinxido para tal actividade.

Finalmente as vías de peaxe modificaron a súa rotulación poñendo os sinais de PEAXE/TOLL somentes en castelán despois de denuncias da Garda Civil de tráfico ás concesionarias das autoestradas por rotular en inglés e galego e non incluir a lenda en castelán. Tando o Valedor do Pobo como o conxunto de grupos parlamentares manifestaron a súa preocupación e queixa por este cambio. A Delegación do Goberno atribuíu as denuncias a unha confusión e os cambios a unha decisión da concesionaria, mentres a Xunta solicitou unha regulación trilingüe.

6. A lingua nas forzas e corpos de seguridade: extinción de incendios e selección de policías locais

O “Convenio de colaboración con la Junta de Galicia (sic) para la prevención de incendios forestales en Galicia durante la campaña 2013” co Ministerio de Defensa11regula a acción das Forzas Armadas dentro do dispositivo xeral de prevención e loita contra incendios forestais. A primeira cláusula do convenio contén previsións lingüísticas establecendo o castelán como única lingua de comunicación. Faise extensiva a normativa militar a esta labor civil pola mera colaboración dos efectivos de defensa nos traballos de extinción. Esta previsión nun labor que implica un contacto coa cidadanía galegofalante en momentos de tensión e emerxencia pode complicar a comunicación efectiva para os labores de extinción.

De conformidad con lo estipulado en la O.M. 35/1987, de 17 de junio, por la que se regula el uso de las lenguas oficiales de las Comunidades Autónomas en la Administración Militar, en todas las comunicaciones oficiales, tanto verbales como escritas, que vayan dirigidas a las Fuerzas Armadas involucradas en esta colaboración y que tengan relación con el servicio, se utilizará siempre el castellano.

Por outra banda o Concello de Coruña convoca novamente as probas de promoción interna da policía local dando execución á Sentenza do TSX de Galicia 66/2012 pola que obrigaba a incluír o galego no exame para

Page 187

oficiais da Policía Local de A Coruña nunhas probas de promoción interna. O Concello e algúns aspirantes entendían que ao non ser probas de acceso non era preciso acreditar novamente o coñecemento do galego mais o TSXG establece que esta esixencia de coñecemento é obrigada desde 2007 polo que pode haber aspirantes que no seu día non tiveran acreditado o coñecemento do galego no acceso.

7. O punto GAL Un éxito da sociedade civil

En novembro de 2013 finalmente despois de sete anos de perseverante traballo a Asociación PuntoGal conseguiu asinar o contrato para a creación do dominio .gal co ICANN.

Logo dunhas probas técnicas o dominio estará operativo en 2014 e poderán empezar a rexistrarse solicitudes de utilización. Este dominio nace para servir á comunidade lingüística e cultural galega e o contrato establece que este grupo será o dos que “usen ou se compremeteran a usar o galego nas súas comunicacións en liña, ou promovan os diferentes aspectos da cultura galega na rede ou dirixan específicamente as súas comunicacións e servizos a esta comunidade”.

É o primeiro dominio aprobado despois do .cat para un grupo cultural ou lingüístico. O amplo apoio social a esta iniciativa respaldado con diversos premios (Premio da Cultura Galega na categoría de Lingua, premio San Martiño da Asociación Cultural O Brado da Estrada e nominación ao Premio do Público no culturGAL) foi determinante para o logro deste obxectivo.

8. A desmontaxe da política lingüística As axudas públicas como exemplo

En materia de axudas públicas á lingua probablemente máis que a mención a convocatorias que se repiten anualmente convén facer mención ao devalo incesante dos fondos destinados a este efecto.

O presidente da Asociación Galega de Editores (AGE) sinalaba uns datos estarrecedores “Situacións dramáticas como as que sofre o sector da edición galega, por referirme ao sector que mellor coñezo (...), que dende 2008 perdeu o 38 % do seu emprego directo, unha hemorraxia laboral que non se cortou en 2012, e que no mesmo período leva perdido o 16,76 % da súa facturación total. Dúas cifras (poderiamos tirar outras) ás que non foron alleas as decisións adoptadas durante este período pola Xunta de Galicia, tanto na redución drástica dos fondos destinados a adquisición de novidades editoriais para bibliotecas públicas (un 64,80 % menos), das axudas para a edición de materiais didácticos en lingua galega (un 75 % menos) coma dos efectos brutais sobre o mercado editorial educativo da implantación do decreto de plurilingü
ismo”12.

O devalo nos sucesivos mandatos nas medidas de fomento do galego foi moi acusado. Desde a asunción do goberno polo Partido Popular en 2009 pasouse dos 21,5 millóns de euros do último mandato do bipartito aos 7,07 do proxecto de orzamentos de 2014. “Nos primeiros orzamentos do novo Executivo este programa deixaba polo camiño 4 millóns de euros e quedaba en 17,5. Era un primeiro axuste pero non o último nin o meirande. Así, as contas de 2011 trouxeron consigo un recorte de máis de 6 millóns, deixando a partida en 11,09 millóns de euros. Un ano máis tarde, en 2012, a tesoira volveu funcionar e situou o fomento da lingua galega en 9,9 millóns. Tras o paso polas urnas, en 2013 a cantidade volveu minguar, desa volta ata os 7,45 millóns de euros. Este foi o escenario sobre o que a Xunta elaborou os seus Orzamentos de 2014, cuxo montante global diminúe un 1,1%. No caso da lingua galega o retroceso é aínda maior, quedando en 7,07 millóns de euros e perdendo, polo tanto, máis dun 5%”13.

A supresión de liñas de axudas e a redución drástica das partidas orzamentarias é a tónica da primeira lexislatura do goberno Feijóo e o inicio da segunda.

----------------------------

[1] http://www.edu.xunta.es/web/node/12049

[2] http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130703/AnuncioC3B0-270613-0001_gl.html

[3] A Universidade fixera as seguintes observacións en relación coa lingua galega: c) Defensa do galego como lingua propia das Universidades. En materia lingü
ística, o artigo 2 do borrador suprime o recoñecemento que no mesmo artigo a Lei 11/1989 facía do galego como lingua propia das Universidades e como un dos obxectivos específicos do Sistema Universitario de Galicia: “5) A promoción do galego, lingua propia de Galicia como idioma vehicular no ensino superior, na investigación científica e na creatividade artística e cultural”. Cumpre recoñecer no título preliminar que o galego é a lingua propia das tres universidades galegas, tal e como xa recoñecen os seus Estatutos, potenciando a súa utilización como lingua de ensino e investigación superiores e, especialmente, habilitando legalmente o seu coñecemento como requisito de acceso para os postos docentes
e de servizos. Un modelo a seguir pode ser, por exemplo, o artigo 6 da Lei catalana 1/2003, de Universidades

[4] http://www.usc.es/gl/servizos/snl/dinamizacion/docencia_datos.html

[5] Nogueira López, a., Investigación e lingua. Propostas para a mellora da presenza do galego na actividade científica, Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística, xuño 2013, ( http://fxc.usc.es/gl/servizos/snl/servizo/descargas/investigacionelingua.pdf )

[6] http://www.xunta.es/dog/Publicados/2013/20130704/AnuncioC3B0-270613-0002_gl.html

[7] http://praza.com/politica/3458/rexeitamento-frontal-ao-recurso-da-xunta-que-tenta-aumentar-a-desproteccion-do-galego/

[8] http://www.lavozdegalicia.es/noticia/galicia/2013/12/04/xesus-vazquez-ofrece-traducir-certificados-rechazaronbecas/0003_201312G4P6991.htm

[9] http://www.conselleriadefacenda.es/documents/10433/47893/ACUERDO+1-2013+XCCA+SOBRE+EL+USO+DE+LAS+LEN GUAS+OFICIALES+EN+LOS+PROCEDIMIENTOS+DE+CONTRATACION.pdf/b3ad5a0a-83fa-4c1d-b389-6703dbbde1eb

[10] http://www.boe.es/boe/dias/2013/11/25/pdfs/BOE-A-2013-12358.pdf

[11] http://www.boe.es/boe/dias/2013/07/30/pdfs/BOE-A-2013-8336.pdf

[12] http://bretemas.com/onte-841-un-ano-a-intemperie/

[13] http://praza.com/politica/5723/as-cifras-da-desmontaxe-economica-do-fomento-do-galego/

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR