Crònica legislativa: Galícia

AutorAlba Nogueira López
CargoProfesora titular de dereito administrativo, Universidade de Santiago de Compostela
Páginas370-380

Page 370

(Primer semestre de 2009)

A deconstrucción da andamiaxe legal do galego
1. Introducción

A celebración de eleccións autonómicas o 1 de marzo, cunha forte polarización do discurso ao redor da lingua, marca un primeiro semestre de 2009 caracterizado polas primeiras medidas do novo goberno do PP. É este un semestre curto en decisións pero intenso no alcance das medidas adoptadas que indican unha clara vontade de deconstrucción do xa de por si escaso acervo normativo de protección do galego.

Aos anuncios e primeiros pasos para derrogar a normativa de uso do galego no ensino que garante que un mínimo 50% das materias se impartiran en galego, únese a modificación pola vía de urxencia da Lei de Función Pública para suprimir a necesidade de acreditación obrigatoria do coñecemento do galego coa realización de cando menos unha proba en galego no acceso ao emprego público. Estas decisións van acompañadas dun alto nivel de conflictividade social, cunha acentuada cobertura mediática de grupos, pouco significativos en canto a representatividade, contrarios ao galego que fixan o discurso do PP, e unha resposta contundente dun amplo abano de asociacións, secundada con diversa intensidade polos dous partidos da oposición, a través de manifestacións e da denuncia cívica das medidas adoptadas.

2. As normas con rango de lei: a modificación de Lei da Función Pública de Galicia

Tan só un mes despois de tomar posesión o novo goberno galego do Partido Popular impulsou unha modificación pola vía de urxencia da Lei de Función Pública de Galicia. Esta modificación, que non aborda non obstante a adaptación pendente ao novo Estatuto Básico do Empregado Público, tiña como único obxecto a supresión da previsión que introducira a maioría parlamentaria anterior (PSOE-BNG) de que no acceso ao emprego público se acreditaraPage 371 mediante a realización de cando menos unha proba en galego o coñecemento da lingua propia de Galicia.

A nova Lei 2/2009, do 23 de xuño, de modificación do texto refundido da Lei da función pública de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo1 regresa ao “status quo” anterior no que a citada proba podía ser substituída pola acreditación documental de coñecemento de galego (diplomas de cursos...). No caso de que os aspirantes ao emprego público non poidan acreditar os coñecementos de galego deberán realizar unha proba de galego dentro do proceso selectivo. O cambio que se introducira na Lei de Función Pública polo anterior goberno fixaba a necesidade de realizar unha proba do proceso selectivo en galego. Isto é unha proba sobre contidos que permitía avaliar a adecuación dos coñecementos de galego relacionados co posto de traballo que se ía ocupar na Administración.

Artigo 35º. A Administración garantirá os dereitos constitucionais e lingüísticos das cidadás e dos cidadáns galegos, tanto respecto do galego, como lingua propia de Galicia, coma do castelán, lingua oficial en Galicia. Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego na Administración pública de Galicia e para garantir o dereito das administradas e dos administrados ao uso do galego nas relacións coa Administración pública no ámbito da comunidade autónoma, e a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, que determina o artigo 6.3º da Lei de normalización lingüística, nas probas selectivas que se realicen para o acceso ás prazas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades locais de Galicia incluirase un exame de galego, agás para aqueles que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente. As bases das convocatorias dos procesos selectivos establecerán o carácter e a valoración deste exame. Todo isto sen prexuízo daquelas probas que teñan que realizarse en galego para aquelas prazas que requiran un especial coñecemento da lingua galega.

Hai que facer mención tamén, tanto na redacción do artigo modificado como na exposición de motivos, aos argumentos falaces que sirven de xustificación do cambio realizado. Estes argumentos, moi presentes no discurso dos últimos tempos contra as linguas cooficiais co castelán, pretenden asimilar a liberdade de elección de lingua dos administrados aos futuros empregados públicos. Mesmo a disposición transitoria única o explicita con esa mesma dicción ao regular a aplicación retroactiva desta nova regulación aos procesos selectivos xa iniciados.

Page 372

Disposición transitoria

Única.— A liberdade de elección de lingua galega e de lingua castelá nas probas selectivas seralles aplicable a todos os procesos selectivos da Comunidade Autónoma de Galicia en curso, e que aínda non estean finalizados, respecto daqueles exercicios non realizados.

En efecto, resulta totalmente discutible argumentar que os aspirantes ao emprego público son cidadáns con plenitude de dereitos lingüísticos dado que as probas que realizan son, como estableceu o TC, instrumentos para valorar o mérito e capacidade para o desempeño dos postos de traballo. Por tanto a acreditación mediante probas específicas en galego dos coñecementos lingüísticos relacionados co posto que van desenvolver non é máis que unha forma de verificación do mérito e capacidade daqueles que van ser os garantes dos dereitos lingüísticos da cidadanía. Esta acreditación podería facerse mediante a acreditación de méritos externos (cursos, diplomas...) como establece o novo art.35 da LFPG pero, en absoluto, existe unha igualdade de dereitos dos administrados en sentido lato e dos aspirantes nun proceso selectivo. Precisamente o cambio que realizara o Parlamento na anterior lexislatura estaba motivado pola convicción de que os actuais sistemas de acreditación previa de coñecementos lingüísticos avalian competencias lingüísticas xenéricas e non coñecementos especializados adaptados aos postos de traballo da Administración.

A Exposición de motivos con alusións a liberdade, á unidade territorial do Estado e mobilidade dos cidadáns, mesturada coa garantía dos dereitos dos cidadáns, é indicativa da filosofía que preside o cambio normativo experimentado.

Así mesmo, hai que posibilitar que a mobilidade das cidadás e dos cidadáns por todo o territorio nacional non se vexa limitada nin menoscabada por barreiras lingüísticas de ningún tipo.

O que debe primar é o absoluto respecto á hora de que as cidadás e os cidadáns elixan con liberdade a lingua na que se queren expresar, sen que esixencias do poder público, en calquera dirección que se realicen, poidan menoscabar o exercicio dese dereito. Por tanto, a Administración debe garantir os dereitos lingüísticos das administradas e dos administrados, pero tanto respecto do idioma galego como do idioma castelán, para o que a Administración debe arbitrar mecanismos que lle permitan contar para iso con persoal formado e competente co fin de atender as cidadás e os cidadáns, tanto se utilizan o galego coma o castelán.

Curiosamente esta exposición de motivos avanza a vontade de suprimir todo tipo de acreditación de coñecemento da lingua en certos procesos selectivos (nin documental, nin mediante probas) pero o texto da norma non regula estes supostos. Confiemos que a Administración non se sinta habilitada por unhaPage 373 simple mención nunha exposición de motivos, sen previsión normativa nese sentido, para realizar convocatorias no ámbito da saude ou servizos sociais sen necesidade de acreditar o coñecemento da lingua.

Así mesmo, en determinados corpos, escalas e/ou categorías pertencentes ao ámbito sanitario, social ou outros que se establezan, a consellaría competente en materia de función pública poderá modular a necesidade de acreditación do coñecemento da lingua galega, co fin de posibilitarlle unha axeitada prestación dos servizos públicos á cidadanía.

Hai que sinalar finalmente que a aprobación deste artigo viuse sucedida por un seguemento efectivo das convocatorias realizadas por Administracións galegas (entes locais, universidades) por parte da Xunta de Galicia esixindo a retirada das probas de galego. En concreto o Concello de Vigo modificou unha convocatoria xa publicada amparada na súa Ordenanza de normalización lingüística (que esixía a realización de probas de galego a tódolos aspirantes ao emprego público local). Logo da publicación da convocatoria no BOP (15 de setembro) o Concello recibiu unha carta da Dirección Xeral de Administración Local de Galicia na que se esixía a supresión destas probas en base á nova redacción da LFPG. A convocatoria foi modificada polo Concello. Outras Administracións están examinando o mantemento das probas de galego con base na previsión que consta no mesmo art.35 da LFPG da realización en galego das probas para as prazas que requiran un especial coñecemento do galego. Para isto búscase introducir unha motivación na convocatoria sobre as especiais necesidades de capacitación lingüística dos postos de traballo.

3. A situación no ensino: novo Decreto de educación infantil e primeiras medidas para suprimir o Decreto de uso do galego no ensino

O segundo gran eixo de deconstrucción dos pequenos avances experimentados na protección normativa do galego prodúcese no ámbito do ensino.

Tamén nos momentos iniciais da lexislatura apróbase o Decreto 330/2009, do 4 de xuño, polo que se establece o currículo da educación infantil na Comunidade Autónoma de Galicia.2 Este Decreto que se dita en desenvolvemento da LOE fora adiado durante a etapa de goberno anterior por discrepancias no seo do bipar-Page 374tito entre as áreas de benestar social (da que dependían as escolas infantís de 0 a 3 anos) e a de educación (responsable de fixar o curriculum).

O novo Decreto introduce un art.13 no que se establece o tratamento das linguas oficiais:

Artigo 13º.-Tratamento das linguas oficiais. Na etapa de educación infantil o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará que o alumnado adquira de forma oral e escrita o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios desta etapa.

Este artigo supón un retroceso con respecto ao establecido con carácter xeral no Decreto 124/2007, do 28 de xuño, polo que se regula o uso e a promoción do galego no sistema educativo, aplicable ao conxunto de ensinanzas reguladas pola LOE.3 O cambio substancial que introduce este artigo na regulación do uso do galego na etapa de educación infantil (0-6) é a supresión dun parágrafo que garantía que mesmo nos entornos castelán falantes había que compatibilizar a atención aos nenos na lingua materna predominante coa garantía de que o uso do galego sería como mínimo igual que o do castelán. Ademáis establecíase que a adquisición da lecto-escritura debía facerse tomando ao galego como lingua de base para a aprendizaxe.

A supresión destas dúas mencións supón unha clara regresión en entornos castelán falantes (fundamentalmente urbanos), nos que se pode dar o caso de que o galego desapareza absolutamente das aulas de educación infantil e, nese caso, se incumplan os obxectivos da LOE (art.2) de adquisición das competencias de cada nivel nos territorios con dúas linguas oficiais.

De forma paralela á aprobación deste novo Decreto a Xunta de Galicia deu os primeiros pasos para derrogar o Decreto de uso do galego no ensino. Ante a imposibilidade de proceder a unha nova regulación que fora aplicable ao curso 09/10 —debido a cuestións como a lingua na que deberán estar libros de tex-Page 375to— o goberno deu unha primeira mostra das súas intencións coa realización dunha enquisa aos pais e nais sobre as súas preferencias lingüísticas para o ensino dos seus fillos. De feito no texto introductorio de cada enquisa indicá-base que «Os resultados que se obteñan desta consulta serán tidos en conta á hora de deseñar as futuras políticas lingüísticas no ámbito da educación non universitaria de Galicia».

Esta enquisa, moi discutible metodolóxicamente, foi contestada amplamente pola práctica totalidade dos sindicatos de ensino, as asociacións de directores de centros de ensino, a confederación de ANPAS de centros públicos, un amplo abano de asociacións e os partidos políticos da oposición.4

Os motivos de contestación viñeron dados, por unha banda, polo procedemento e ámbito de consulta: só se consultou aos pais/nais de nenos/as xa escolarizados; as enquisas foron enviadas aos domicilios e recollidas sen control externo ás direccións dos centros o que suscitou dúbidas polos desiguais resultados de participación nos centros de ensino público e privado; enviáronse na última semana de curso polo que houbo dificultades de reparto e; houbo directrices expresas para que as direccións dos centros impedisen calquera acto informativo sobre as consecuencias da enquisa ou o coñecemento das linguas por parte das ANPAS, os equipos de normalización lingüística ou os sindicatos de ensino.5

Por outra banda, o contido da enquisa era revelador dun amplo descoñecemento do mundo do ensino obligatorio (ex. Con preguntas sobre a lingua dePage 376 impartición de “materias troncais”), da vontade de conseguir uns resultados o suficientemente inconcretos para amparar un cambio normativo e dun intento de reducir o 50% como mínimo de materias impartidas en galego co argumento de aumentar a presenza do inglés.

Con modulacións no tipo de preguntas para cada nivel de ensino o cuestionario preguntaba básicamente:

1. En que lingua(s) preferiría que o seu fillo/a cursase as materias troncais ?

2. En que lingua(s) preferiría que estivesen escritos os libros de texto e os outros materiais didácticos do seu fillo/a?

3. En que lingua(s) preferiría que o seu fillo/a realizase as probas orais e escritas?

As respostas posibles a estas preguntas eran: «Todas en galego; A maioría en galego; unhas en galego e outras en castelán; Todas en castelán; A maioría en castelán». Ademais incluíase unha pregunta sobre o uso do inglés: «4. Está de acordo con que se impartan materias en inglés?»

Os resultados da enquisa foron tratados en segredo sen observadores externos e comunicados máis dun mes despois da súa realización xusto antes de comezar o mes de agosto.6 Os resultados mostran un alto nivel de participación en educación infantil e primaria (sobre o 70%) e unha escasa participación en secundaria e formación profesional (sobre o 33%). Se ben a Consellería recoñeceu que os datos de participación mostraban diferencias significativas entre os centros públicos e privados, estes datos non se publicaron desglosados, nin se ofreceron en sé parlamentar a preguntas dos grupos da oposición. Facendo un resumo global pódese afirmar que a maior parte dos consultados optan maioritariamente por un ensino en galego é castelán, figurando como segunda opción o ensino en castelán. Ten tamén un amplo respaldo a oferta de materias en inglés. Cabe sinalar que na educación infantil é moi maioritaria a opción bilingüe para a ensinanza da lecto-escritura e que na formación profesional descende o respaldo á opción monolingüe en castelán. Tamén no ensino secundario e profesional é menor o respaldo ás materias en inglés.

Logo da celebración da consulta o goberno realizou toda unha serie de declaracións contraditorias sobre se estes resultados podían conducir a unha segregación nas aulas por razón de lingua (algo que veda a Lei de Normalización Lingüística) tal e como demandaban os grupúsculos pro-monolingüismo. Ta-Page 377mén anunciou a elaboración dun novo Decreto de uso do galego no ensino para finais do ano 2009.

4. Os colexios profesionais e o uso da lingua

Varias normas aproban os Estatutos de diversos colexios profesionais con prácticas diversas en canto ao recoñecemento expreso de usos lingüísticos.

Asi a Orde do 16 de decembro de 2008 pola que se aproban os estatutos do Colexio Profesional de Delineantes e Técnicos Superiores Proxectistas de Ourense.Santiago de Compostela (DOG de 8 de xaneiro de 2009) non contén ningunha referencia aos usos lingüísticos desta corporación, cuestión que viña sendo habitual ao longo desa lexislatura. Tampouco incorpora esa referencia o Decreto 323/2009, do 14 de maio, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia (DOG de 15 de xuño).

Pola contra tanto o Decreto 304/2008, do 9 de outubro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia (DOG de 5 de febreiro), como o Decreto 18/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (DOG de 4 de febreiro) introducen senllas previsións declarando o galego lingua propia do respectivo colexio e, no caso dos protésicos facendo referencia aos dereitos lingüísticos individuais que poden exercer os que teñan relación co colexio.

Artigo 3º. Utilización da lingua propia.

O galego é a lingua propia do Colexio Oficial de Protésicos Dentais de Galicia. Calquera persoa ten dereito a obter a tradución para o castelán dos documentos colexiais que a afecten e, se o demanda, a ser atendida nesa lingua.

Artigo 5º. Lingua oficial.

A lingua propia do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia é o galego, tendo en conta a cooficialidade fixada na Constitución e no Estatuto de autonomía de Galicia.

5. Axudas públicas para o galego e con condicionado lingüístico

As axudas públicas para actividade específicamente en galego ou que incorporan o condicionado lingüístico continuaron no primeiro semestre de 2009. Hai que sinalar que as convocatorias realizadas corresponden na súa maioría ao goberno saínte e que, mesmo as realizadas, polo novo goberno tiñan sido preparadas para a súa publicación antes da finalización do mandato do anterior. Non obstante neste semestre o novo goberno xa anunciou a vontade de suprimir axudas que viñan concedéndose a actividades no eido cultural de promo-Page 378ción do galego (ex. Axudas á traducción de obras universais ao galego ou apoio á Feira CulturGal de productos culturais galegos) e de abrir as axudas neste ámbito á producción en castelán.

No grupo de axudas máis propiamente enfocadas á promoción da lingua e cultura galega atopamos a Resolución do 2 de marzo de 2009, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de bolsas de estadías para investigadores de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa colaboración en proxectos de investigación no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (DOG de 6 de marzo). Estas bolsas teñen por obxecto a realización de proxectos concretos sobre lingüística, literatura, antropoloxía e historia galegas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Tamén unha Resolución do 30 de xaneiro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para producións ou coproducións audiovisuais en lingua galega con decidido contido artístico e cultural e se convocan para o ano 2009 (DOG de 17 de febreiro).

Pola súa banda a Resolución do 4 de febreiro de 2009 pola que se anuncia a convocatoria para a concesión de subvencións de creación audiovisual para o desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego (DOG de 17 de febreiro) contempla parcialmente a promoción de proxectos audiovisuais en galego. Nestas axudas existen modalidades diferenciadas nas que nunhas se establece o requisito da lingua para a obtención da axuda e noutras non. Na modalidade de escrita individual de guión a convocatoria non fai referencia expresa á lingua, mentras que tanto nas de curtametraxe e longametraxe en formato dixital establécese a realización dunha «Declaración que especifique a lingua orixinal de rodaxe/gravación». De cara á xustificación das axudas a convocatoria establece unha obriga xeral de depósito de exemplares en galego.

Artigo 14º.-Xustificación da subvención de creación.

O beneficiario deberá presentar no rexistro xeral da Agadic.

2. Dous exemplares do guión, curtametraxe ou longametraxe definitivos en lingua galega.

Como en anos anteriores convocouse unha axuda para a dinamización lingüística en centros educativos privados. A Resolución do 22 de decembro de 2008, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, pola que se anuncia a convocatoria de axudas para financiar proxectos de fomento do uso do galego dos equipos de normalización e dinamización lingüística dos centros de ensino privados dePage 379 Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o ano 2009, curso escolar 2008-2009 (DOG de 5 de xaneiro). Este decreto pretende reforzar a «dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos, facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz, erradicando especialmente o seu emprego sexista en todos os ámbitos e respectando, así mesmo, a situación sociolingüística en que se enmarca cada centro».

En canto ás axudas con condicionado lingüístico publicouse a Orde do 31 de decembro de 2008 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións ás asociacións profesionais de artesáns cuxo ámbito de actuación se desenvolva na Comunidade Autónoma de Galicia, para o fomento do sector artesanal galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009 (DOG de 17 de febreiro).

Art. 5.j. Declaración de compromiso de utilización da lingua galega segundo o modelo normalizado do anexo VI, de ser o caso.

Art.10. Criterios de valoración

4. Compromiso de utilización da lingua galega en todas as actuacións e nos elementos que proceda das actuacións subvencionables. Este compromiso acreditarase mediante a presentación, debidamente asinado, do modelo que se inclúe como anexo VI: 5 puntos [sobre un total de 92 puntos posibles].

En idénticos termos regula a cuestión outra convocatoria para o mesmo sector na Orde do 31 de decembro de 2008 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos/ás titulares de obradoiros artesanais para actuacións de fomento e desenvolvemento do sector artesanal galego, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2009 (DOG de 17 febreiro).

Tamén a Orde do 31 de decembro de 2008 pola que se aproban as bases para a concesión de subvencións para adecuación dos establecementos comerciais ao seu contorno competitivo en desenvolvemento do Plan de renovación e mellora do comercio galego e se procede á súa convocatoria para o ano 2009 (DOG de 17 de febreiro). Nesta Orde tamén se introduce un documento de «Declaración de compromiso de uso da lingua galega nas relacións coa Administración» que, non obstante, non parece condicionar a valoración da concesión da axuda.

Na Orde do 6 de febreiro de 2009 pola que se establecen as bases que rexen as axudas para adquisición de equipamento e actividades programadas por asociacións xuvenís e entidades prestadoras de servizos á xuventude e se procedePage 380 á súa convocatoria (DOG de 17 de febreiro) introdúcese a valoración do galego dentro do baremo cunha puntuación aproximada do 15% da puntuación nun apartado no que tamén se puntuan outros conceptos das actividades.

A Orde do 3 de xuño de 2009 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións correspondentes ao Programa de promoción xeral de investigación do Plan galego de investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica (Incite) e se procede á súa convocatoria para o ano 2009 (DOG de 12 de xuño) introduce unha pequena puntuación no baremo para o uso do galego. O art.5.e. valora cun punto —sobre un total de 100— a utilización da lingua galega nas actividades obxecto da axuda.

-------

[1] DOG de 24 de xuño

[2] DOG de 23 de xuño

[3] Un comentario aos cambios que introduce este Decreto pode verse en NOGUEIRA LÓPEZ, A., «Crónica lexislativa. Galicia», Revista de Llengua i Dret, núm. 49/2008, p. 280 e ss. O artigo referente á educación infantil neste Decreto establecía: «Artigo 7º. Educación infantil. 1. Na etapa de educación infantil, o profesorado usará na clase a lingua materna predominante entre o alumnado, terá en conta a lingua do contorno e coidará de que o alumnado adquira, de forma oral e escrita, o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia, dentro dos límites propios da correspondente etapa ou ciclo. No caso de contornos castelán falantes, a utilización nesta etapa da lingua galega como lingua de comunicación e ensinanza será, como mínimo, igual á da lingua castelá. Fomentarase a adquisición progresiva da lectura e da escritura en galego, no sentido de que este se convirta no idioma base da aprendizaxe, de xeito que o alumnado obteña unha competencia que lle permita comunicarse normalmente en galego co alumnado e o profesorado».

[4] O documento conxunto asinado por un variado abano de colectivos representativos da práctica totalidade do sector da educación pode consultarse en http://www.nova-escola-galega.org/almacen/documentos/Posición%20unitaria.pdf.

[5] Na instrucción aos directores sobre o desenvolvemento do proceso a Consellería establecía: «2º. Non se permite facer campaña a favor ou en contra de calquera das opcións. Si se pode apoiar a participación». A Consellaría fixo unha forte campaña mediática, por primeira vez usando o idioma castelán, en relación coa enquisa. Posteriormente remitiu aos centros unha Circular sen sinatura (11 de xuño) na que se establecía: «Estimado/a Director/a. Le adjunto el modelo de justificante de recibo en relación a la consulta a las familias sobre la utilización de las lenguas en la enseñanza no universitaria de Galicia. Aprovecho para recordarle que la Dirección del centro es la responsable del normal desarrollo del proceso de realización de la consulta y en consecuencia deberá prohibir todas las acciones o actos, tanto a favor como en contra del mismo, manteniendo informada en todo momento a la Inspección Educativa. Consellería de Educación e Ordenación Universitaria». A CIG-Ensino (central sindical maioritaria neste ámbito) solicitou a suspensión cautelar desta circular que estaba impedindo o reparto de cartas aos pais e, mesmo, a fixación nos taboleiros de información. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia ditou un Auto interpretativo da Circular indicando que tan só se podía prohibir «todo acto que entrañe impedimento o coacción en relación con el desarrollo del proceso de realización de la misma que entorpezca, obstaculice o dificulte que la misma se lleve a cabo» e «no el ejercicio de los derechos fundamentales a la libertad de expresión e información, de reunión, de asociación y libertad sindical, los cuales se pueden ejercer sin restricción derivada de aquella instrucción».

[6] Os resultados segundo se resumen por parte de Secretaría Xeral de Política Lingüística poden consultarse en: http://www.nova-escola-galega.org/almacen/documentos/Resultados%20enquisa%20familias%20310709.pdf.

VLEX utiliza cookies de inicio de sesión para aportarte una mejor experiencia de navegación. Si haces click en 'Aceptar' o continúas navegando por esta web consideramos que aceptas nuestra política de cookies. ACEPTAR